Saturday 11 de May de 2024

A conselleira de Infraestruturas analiza coa Federación Galega de Taxistas as alegacións do sector ao Plan de mellora de acceso dos autobuses ao centro da Coruña


Ethel Vázquez manifestou que estas reunións son exemplo da aposta da Xunta polo diálogo e a transparencia na implantación deste plan

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez mantivo unha xuntanza coa Federación Galega de Taxistas (FEGATAXI), na que analizaron as alegacións dos taxistas ao Plan de mellora ao acceso dos autobuses metropolitanos ao centro da cidade da Coruña. Durante esta reunión, a responsable de Infraestruturas do Executivo autonómico explicoulles aos profesionais do sector que o seu departamento buscará a maneira de compatibilizar as súas demandas co interese xeral dos cidadáns.

Ethel Vázquez manifestou que estas reunións son exemplo da aposta da Xunta polo diálogo e a transparencia na implantación deste plan, polo que, tras sometelo a información pública, enviouse a todos os operadores de transporte, agora estúdanse as súas consideracións para enriquecer esta proposta do Goberno galego.

Durante a reunión, a Conselleira de Infraestruturas en Vivenda informou aos taxistas do resultado dos informes técnicos que se están a levar a cabo para a implantación dun Plan moi traballado, nos que se pode ver que con este Plan o tráfico da Coruña non se verá afectado.

A conselleira destacou que a iniciativa ten por finalidade acadar unha maior eficiencia no transporte público, reducir os tempos de viaxe, eliminar transbordos na medida do posible e lograr unha maior accesibilidade do transporte interurbano no centro da cidade.

A titular de Infraestruturas resaltou que este Plan ten por obxecto fomentar o emprego do transporte público, impulsado xa polo Goberno galego a través de medidas que melloran as tarifas, os tempos de viaxe e a cobertura das liñas, e que ten o seu máximo expoñente no Plan de Transporte Metropolitano.

Así mesmo, o Plan da Xunta propón incrementar o número de expedicións que van cara ao centro urbano; ampliar o horario de acceso das liñas cara ao centro urbano; e a creación de novas paradas e percorridos que melloren a integración co transporte urbano de todas as liñas que acceden actualmente á cidade. E para iso seleccionáronse as liñas que accederán as paradas urbanas en función da súa ocupación e da súa proximidade coa cidade, propoñendo unha implantación en dúas fases.